luns, 8 de abril de 2024

EU demanda unha solución inmediata para a situación dos clubs de fútbol do Grove

Os equipos locais atopan dificultades para desenvolver a súa actividade nas instalacións deportivas por problemas no subministro eléctrico. O Amanecer SD e Anduriña SD teñen que adestrar en Noalla.

O concelleiro de Esquerda Unida, Anxo Meis, tacha a situación de “inadmisible”, pide explicacións polo sucedido, solucións inmediatas e que rematen co menosprezo aos clubs deportivos locais. 

O Grove, 8 de abril de 2024.- Nas últimas semanas, a  SD Amanecer, o Unión SD e o Anduriña SD non poden desenvolver a súa actividade deportiva en condicións óptimas debido a un problema co abastecemento eléctrico dos dous campos de fútbol. Segundo o concelleiro de Esquerda Unida, Anxo Meis, a potencia eléctrica contratada, tanto para o Monte da Vila como para As Lampáns, non é suficiente para cubrir a demanda precisa por cada estadio e, debido a isto, non poden activar o acendido das luces do campo ou dispoñer de auga quente para as duchas, dificultando o desenvolvemento dos adestramentos e partidos.  Esta situación provocou que tanto a SD Amanecer como o Anduriña SD optaran por desprazarse á localidade veciña (Sanxenxo) para adestrar no campo de Noalla, coa conseguinte problemática que xeran os desprazamentos ou cadrar horarios co club que usa a propia instalación.

Para Anxo, “esta é unha situación inadmisible e reafirma o pouco interese e o desprezo que o goberno local ten cos clubs deportivos nos últimos anos, e que parece non tornar a pesar de cambiar o responsable da área”. Meis lembra ademais o estado de deterioro no que están as diferentes instalacións deportivas, que xa foi denunciado en reiteradas ocasións polo seu grupo municipal neste e no anterior mandato, ou o considerable retraso no pago das subvencións nos últimos anos; a día de hoxe seguen sen cobrar as do 2023. “Agora súmase esta situación que, entendemos, é derivada da falta de previsión ante a activación que as compañías eléctricas estiveron facendo dos contadores para limitar a potencia contratada”, asevera.

Ante esta situación, dende Esquerda Unida piden explicacións ao goberno local e esíxenlle que solucionen o problema o máis axiña posible para que os clubs de fútbol poidan volver á normalidade. Do mesmo modo, piden un cambio de dinámica no trato cara os clubs deportivos da localidade, “pois exercen un traballo desinteresado na formación de valores e no desenvolvemento persoal e social da nosa mocidade”.

venres, 22 de marzo de 2024

EU critica o elevado gasto en terminais móbiles por parte do goberno local

A Xunta de Goberno Local aprobou un gasto de 12.149,92 € para a compra de 15 teléfonos móbiles. Esquerda Unida pediu o contrato e información sobre o tipo e custo dos terminais mercados e a quen vai destinado cada un, pois considera esta operación un gasto excesivo. 

O Grove, 22 de marzo de2024.-Esquerda Unida O Grove manifestou a súa preocupación polo que consideran un excesivo gasto na compra de teléfonos móbiles. Segundo indican, a última acta que recibiron da Xunta de Goberno Local, correspondente ao 4 marzo, recolle unha proposta de Alcaldía na que se destinan 12.149,92 € para a compra de 15 dispositivos móbiles co propósito de renovar os que se atopan obsoletos ou danados.

O grupo municipal indicou que solicitou o contrato e toda a documentación correspondente a esta adquisición co propósito de determinar o prezo exacto de cada terminal e os seus destinatarios, xa que o gasto total supón un custo medio de 810 € por dispositivo, aínda que se figuran que 8 destes terminais serán para os concelleiros e concelleiras do executivo local, co que calculan que estes terán un prezo estimado de 1.200€ cada un, o que consideran un gasto disparatado.

Dun xeito ou outro, dende Esquerda Unida consideran excesiva e prepotente a adquisición de dispositivos de alta gama e critican o gasto xeral como desproporcionado, especialmente tras as recentes intencións do goberno de incrementar o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e o imposto sobre vehículos, xustificando un desequilibrio no orzamento municipal.

Esquerda Unida argumenta que, en tempos de axuste orzamentario, debería ser o propio goberno quen lidere co exemplo e aplique medidas de austeridade nos seus gastos, no canto de incorrer en gastos que consideran innecesarios.

mércores, 20 de marzo de 2024

EU presenta unha moción para aprobar as bases do Concurso de Carteis da Festa do Marisco 2024

O evento gastronómico deste ano non conta, a día de hoxe, co correspondente cartel promocional, polo que Esquerda Unida, que leva dende outubro pedindo a publicación das bases, decidiu tomar a iniciativa ante a pasividade do goberno municipal e presentan as mesmas en forma de moción.

Piden tamén un cambio nas bases e na asignación económica de cara ao cartel do 2025, polo que instan a convocar o Consello Local de Turismo para valorar as modificacións pertinentes co propósito de que se publiquen en tempo e forma.

O Grove, 20 de marzo de 2024.- No pleno da Corporación municipal do Grove, que terá lugar o vindeiro luns 25, o Grupo Municipal de Esquerda Unida levará a consideración unha moción que busca a aprobación das bases do Concurso de Carteis para a LXI Festa do Marisco, a celebrarse este ano.A agrupación de esquerdas destaca a importancia da Festa do Marisco non só a nivel local, senón tamén comarcal, provincial e autonómico, pola súa capacidade para atraer visitantes e dinamizar a economía local. O cartel da festa é un elemento crucial para a promoción do evento e atraer as miradas tanto de habitantes locais como de visitantes nacionais e internacionais. No entanto, no ano 2023 non se publicaron as bases para o concurso do cartel, o que resultou nunha ausencia do mesmo durante a celebración da festa, algo inédito ata o momento.

Esquerda Unida considera esta situación como prexudicial para a promoción da festa e ante a falta de acción por parte do goberno municipal para corrixir esta omisión, urxe á toma de medidas, pois quedan menos de sete meses para a celebración do evento que este ano celebra a súa 61 edición. Lembran que dende outubro do 2023, insistiron en varias ocasións para que se publicasen as bases co propósito de que a Festa deste ano contase cun cartel, polo que ante a pasividade municipal, decidiron tomar a iniciativa e levar as mesmas a pleno. A moción propón non só a aprobación inmediata das bases para o concurso deste ano, seguindo os termos dos anos anteriores, senón tamén instar ao goberno municipal a publicar as bases antes do 5 de abril para dar comezo ao concurso, que remataría o 30 do mesmo mes, asegurando unha ampla difusión das mesmas para fomentar a participación.

Ademais, a moción tamén pide convocar o Consello Local de Turismo co propósito de redactar unhas novas bases para o concurso da LXII Festa do Marisco, aumentando a contía económica do premio e asegurando a súa publicación en tempo e forma para que o cartel da seguinte edición poida ser presentado durante a celebración deste ano.

En resumo, Esquerda Unida busca garantir que a LXI Festa do Marisco conte cun cartel representativo e que se poñan en marcha medidas para mellorar o concurso de carteis de cara ás futuras edicións, todo co obxectivo de preservar e promover este evento tan emblemático para O Grove.

 [Ver/descargar Moción]

venres, 8 de marzo de 2024

EU demanda a conversión da antiga Escola Infantil do Monte da Vila nunha Casa da Mocidade

  

Tras o anuncio do traslado do servizo de Vellos Tempos ás Monxas, piden converter o edificio nunha Casa da Mocidade, destinada ao ocio, formación e creatividade da xente nova. Destacan a necesidade de adaptar o espazo para actividades socio-culturais e formativas, involucrando á mocidade na transformación e asegurando que as súas necesidades sexan atendidas.

Lembran que existe un acordo plenario de 2017 e advirten que a esixencia non é simplemente unha petición, senón un requisito para futuras negociacións co goberno local, sinalando a importancia do compromiso activo co futuro da mocidade no concello.

O Grove, 8 de marzo de 2024.- O grupo municipal de Esquerda Unida demanda ao goberno municipal un cambio significativo nos plans para a antiga Escola Infantil do Monte da Vila, logo de que este edificio deixe de acoller o servizo de Vellos Tempos. Tras o anuncio do Alcalde, no último pleno, de que o servizo será trasladado ao “edificio das Monxas” no mes de abril, Esquerda Unida ve unha oportunidade de ouro para converter o edificio vacante nunha Casa da Mocidade.

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, considera que “é preciso crear un espazo destinado ao ocio da xente nova, á súa formación e creatividade, así como á realización de actividades de índole socio-cultural ou formativo, que repercutan positivamente na integración social da mocidade”. Propoñen así, que a Casa da Mocidade poida integrar a oficina de Información Xuvenil, a través da cal, ademais de ofrecer toda a información e asesoramento, se encargaría da dinamización do espazo.

Dende Esquerda Unida cren que o edificio debería adaptarse minimamente para crear un espazo multifuncional coa posibilidade de crear sala de actividades e xogo, espazo dedicado á informática, sala multimedia, espazo de audiovisuais, sala de consulta, sala de obradoiro… “De todos modos, entendemos que  debe adaptarse sempre buscando o consenso e as necesidades da propia mocidade”, afirma Otero.

Esquerda Unida lembra que existe un acordo plenario de novembro de 2017, tras unha moción do seu propio grupo municipal na que se instaba a destinar este edificio a unha Casa da Mocidade. A moción saíra aprobada por maioría absoluta coa abstención do grupo do PSOE que, ao igual que agora, gobernaba o concello. Finalmente, o executivo local decidiu destinar o edificio a outras actividades, entre elas a do programa Vellos Tempos.

Así, co anuncio de que en breve as persoas participantes deste servizo se desprazarán ao edificio da Monxas, onde convivirán co Punto de Atención á Infancia (PAI) e o servizo de persoas con Alzheimer, Esquerda Unida considera que o edificio da antiga Escola Infantil quedará baleiro e sen practicamente uso. É por iso que Esquerda Unida recupera esta vella demanda que consideran que é máis que necesaria no Grove pois, segundo Otero, “a mocidade local urxe dun lugar onde poder reunirse, realizar actividades, cursos, que conte con información, asesoramento e cos servizos acordes ás súas necesidades”.

A agrupación fai fincapé na importancia de involucrar á mocidade na transformación do edificio, asegurando que as súas voces sexan escoitadas e que os servizos proporcionados se axusten ás súas necesidades reais. “Procuramos non só un espazo físico, senón un compromiso activo do goberno municipal co futuro da mocidade do Grove”, asevera o voceiro de Esquerda Unida.

Por último, Otero advirte que “esta non é unha simple petición, senón unha esixencia do noso grupo municipal”, a cal ten que ser unha realidade, “pois realizala ou non condicionará futuras negociacións co Goberno local”, especialmente nas que precise o voto de Esquerda Unida para sacar adiante cuestións de crucial importancia no Concello, como orzamentos ou proxectos.

sábado, 24 de febreiro de 2024

Esquerda Unida esixe celeridade na substitución da tubaxe de auga da estrada de Meloxo

 

A formación política preocúpase pola falta de avances dende o anuncio do anteproxecto en marzo do ano pasado, apuntando á necesidade de substituír canto antes a tubaxe ante as constantes roturas que provoca o desabastecemento de auga á veciñanza de Meloxo.

Esquerda Unida solicita información ao ente provincial e ao goberno municipal para esclarecer quen está demorando a execución da obra.  

O Grove, 24 de febreiro de 2024.- Esquerda Unida manifestou a súa preocupación pola demora nas obras de mellora da estrada de Meloxo, unha actuación vital para a veciñanza que leva sufrindo problemas de subministro de auga dende hai tres anos debido a frecuentes roturas na tubaxe. A última incidencia rexistrouse hai apenas unha semanas e, trala reparación, a zona atópase valada, o que supón un enorme risco para os condutores, máxime cando é utilizada por numeroso tráfico pesado. 

Segundo o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, dende o primeiro incidente, en xaneiro do 2021, o seu grupo municipal ten insistido en innumerables ocasións na necesidade de substituír a tubaxe para previr futuras avarías. Otero indica que en marzo do 2023, o goberno local anunciou un anteproxecto para, ademais da substitución completa da tubaxe de subministro de auga, realizar unha actuación integral que incluía a ampliación da beirarrúa, a creación dunha cuneta transitable, a renovación do firme e luminaria. Como propietaria da estrada, a obra ía ser executada pola Deputación de Pontevedra que en xuño do pasado ano anunciou a licitación do proxecto. Non obstante, a realización destas obras requiría a cesión de terreos por parte dos propietarios das fincas afectadas e este traballo correspondíalle ao goberno municipal, lembra Otero.

Co cambio de goberno na Deputación, agora en mans do PP, Esquerda Unida preocúpase pola falta de información sobre a obra. Á incerteza sobre o peche das cesións de terreos, súmase a ausencia de información clara en relación á disposición do actual goberno provincial a realizar a obra, o que preocupa aínda máis á formación política, que non ven avances case un ano despois de ter anunciado  obra.  

Así, Esquerda Unida quere saber a que é debido o retraso, e por iso xa realizou a consulta pertinente á Deputación de Pontevedra a través do rexistro. “Queremos saber se o retraso na execución da obra é debido a un rexeite do ente provincial a investir nesta estrada, ou é por culpa do goberno municipal, xa que a día de hoxe temos constancia de que non se puxeran en contacto cos propietarios para pechar as cesións dos terreos, logo de comprometerse a realizar ese traballo”, asevera Otero.

O voceiro esquerdista indica que “a situación resulta frustrante, sobre todo para as veciñas e veciños de Meloxo, que continúan a experimentar roturas na tubaxe e, en consecuencia, cortes no subministro de auga, nalgúns casos durante horas e, en ocasións, ata un día completo”.

É por iso que, á espera de resposta por parte da Deputación, Esquerda Unida urxe ao goberno municipal a esclarecer a situación, e se é preciso pechar canto as cesións dos terreos, co fin de resolver un problema que xa se prolonga por demasiado tempo. Así mesmo, solicitan que namentres siga valada a zona afectada, se mellore o balizamento para evitar o risco para o tráfico rodado, sobre todo pola noite.

xoves, 22 de febreiro de 2024

EU insta ao Concello do Grove a aproveitar as axudas para o Embelecemento Turístico do Litoral

 

Cun investimento global que supera os 2,7 millóns de euros, a concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, realiza propostas concretas en cada unha das tres liñas subvencionables; Transición Verde Ecolóxica, Transición Dixital e Transición Accesible e Inclusiva.

Esquerda Unida busca mellorar infraestruturas e promover a sustentabilidade para fortalecer o turismo local no Grove e pide que convoque o Consello Local de Turismo para valorar as propostas e crear os correspondentes proxectos antes de que remate o prazo o vindeiro 5 de marzo.

O Grove, 22 de febreiro de 2024 - O grupo municipal de Esquerda Unida, insta ao Goberno local a aproveitar as oportunidades proporcionadas pola segunda convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para o embelecemento turístico do litoral, cun investimento global de máis de 2,7 millóns de euros.

A Xunta de Galicia, a través do Diario Oficial de Galicia, publicou a convocatoria destas subvencións que se poden solicitar ata o 5 de marzo. Así, Esquerda Unida, a través da súa concelleira, Susana Millán, presenta unha serie de propostas concretas para cada unha das liñas subvencionables.

Na Liña 1, correspondente á Transición Verde e Ecolóxica, Esquerda Unida considera que se pode utilizar para mellorar e musealizar o Museo de Salga, potenciar as rutas “Xacobea Mar de Arousa” e a do “Padre Sarmiento”, recuperar e poñer en valor a ruta do litoral “As Xentes e o Mar” e mellorar os elementos e sinaléticas da zona de especial protección de aves do litoral grovense.

En canto á Transición Dixital (liña 2) Susana Millán entende que o concello pode aproveitala para crear códigos QR, guías turísticas interactivas e folletos dixitais, así como deseñar aplicacións para promover o destino e eventos, tales como a Festa do Marisco.

Por último, na liña 3, que inclúe a Transición Accesible e Inclusiva, dende Esquerda Unida propoñen mellorar a accesibilidade a espazos do litoral, como praias, paseos e miradoiros e adaptar a sinalética turística para que poida chegar ás persoas invidentes.

Millán exhorta ao Goberno local a valorar as propostas e, en todo caso, a convocar o Consello Local de Turismo pa consensuar e preparar proxectos sólidos para acollerse estas axudas antes de que finalice o prazo. Destacan a relevancia de investir nestas áreas para fomentar o turismo local e contribuír ao desenvolvemento sustentable do concello.

luns, 29 de xaneiro de 2024

Esquerda Unida urxe ao Goberno Local a axilizar a renovación das concesións dos Quioscos de Praia

 

Consideran importante iniciar o proceso sen demora para permitir a planificación dos novos concesionarios, especialmente de cara a unha Semana Santa, que este ano coincide a finais de marzo.

Preguntan polo retraso na devolución das fianzas aos concesionarios saíntes e piden o seu pago inmediato.

O Grove, 29 de xaneiro de 2024.- O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao goberno a iniciar de inmediato o proceso de renovación das concesións dos Quioscos de praia, as cales remataron no pasado verán despois de catro anos de vixencia.

Considerando que a primeira das épocas turísticas do ano, a Semana Santa, este ano sitúase a finais de marzo, dende Esquerda Unida subliñan a necesidade de realizar as adxudicacións sen demora, co propósito de que se os novos concesionarios desen abrir nestas datas, poidan planificar as súas tarefas de preparación e procura de persoal coa debida antelación. O partido solicita ao goberno local que emita as bases do proceso de renovación sen dilación

Así mesmo, dende Esquerda Unida aproveitan para preguntar os motivos polos que os adxudicatarios, que finalizaron a concesión a finais da pasada tempada estival, aínda non recibiron o reembolso das fianzas depositadas no seu momento, logo de catro meses do remate das mesmas. Esixen ao goberno que procedan a realizar os reintegros pois entenden que son esenciais, non só como un dereito que lles pertence, senón tamén como un recurso necesario para afrontar o novo proceso de adxudicación.

Esquerda Unida comprométese a velar por que o proceso de adxudicación se realice con totais garantías e transparencia. Agardan unha pronta acción por parte do executivo local para asegurar unha xestión eficaz no servizo de Quioscos de praias.

martes, 19 de decembro de 2023

Esquerda Unida denuncia a inacción do goberno local en materia de turismo

A formación política reclama a convocatoria do Consello Local de Turismo, a definición das bases para as Centolas de Ouro, a publicación das bases para o cartel da Festa do Marisco 2024 e a constitución da mesa para o seguimento da aplicación do PSTD.

Esquerda Unida continúa agardando que o goberno local cumpra coas súas promesas e compromisos en materia de turismo, un sector estratéxico para o desenvolvemento económico e social do Grove. Así o manifestou a concelleira esquerdista, Susana Millán, nun comunicado de prensa.

O Grove, 20 de decembro de 2023.- Esquerda Unida expresou a súa preocupación pola falta de avances na área de turismo e as promesas incumpridas por parte do actual goberno local, encabezado por José Antonio Cacabelos que, ademais de Alcalde, é o concelleiro delegado da área de Turismo.

Segundo a concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, dende que o pasado mes de xullo Cacabelos tomara posesión de Alcalde e asumira as funcións da área de turismo, os membros do Consello Local continúan agardando a que se convoque a xuntanza de constitución do órgano sectorial, que debería ser o espazo de participación e consenso entre os axentes implicados no turismo. “Non entendemos por que o Alcalde non convoca o CLT, cando é unha ferramenta fundamental para planificar, coordinar e avaliar as políticas de turismo no Grove. Non se pode xestionar o turismo de costas á cidadanía, aos profesionais e ás entidades que traballan neste ámbito”, declarou Millán.

A esquerdista tamén criticou a falta de interese do goberno local por crear as bases para as Centolas de Ouro, o máximo distintivo que se outorga durante a Festa do Marisco. Segundo Millán, o Alcalde comprometeuse a reunir en novembro o CLT para redactar unhas bases que definiran os méritos para ser nominado ás Centolas de Ouro, pero a día de hoxe segue sen ser convocado. “É unha falta de respecto e de seriedade por parte do Alcalde, que non cumpre coa súa palabra nin coas súas obrigas. Levamos anos falando da necesidade de crear esas bases, e desta volta asegurou e perxurou que en novembro comezaríamos a súa redacción”, afirmou Millán.

A carencia de interese do goberno local na Festa do Marisco tamén foi resaltada por Millán, mencionando a ausencia, por primeira vez, do cartel anunciador da edición 2024 durante o evento deste ano e denunciando que a día de hoxe sigan sen publicarse as bases para o concurso dese cartel, que é crucial para a promoción da Festa, un dos eventos gastronómicos máis importantes da comunidade. “É unha mostra máis da falta de planificación e de promoción do turismo por parte do goberno local, que non é capaz de aproveitar o potencial da Festa do Marisco como un reclamo turístico de primeira orde”, concluíu Millán.

Outra das cuestións que preocupa a Esquerda Unidaé a falta de información sobre o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), un proxecto financiado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a cargo dos fondos do Plan Recuperación da Unión Europea, no que O Grove conta cun orzamento de 2.000.000 euros para mellorar a competitividade e a sustentabilidade do destino turístico. Millán denunciou que o Alcalde non creou a mesa de seguimento da execución do plan, tal e como se comprometera con Esquerda Unida, polo que descoñecen se xa se contratou a consultora que se precisaba para traballar neles, e cales son as consecuencias de non ter executado a parte correspondente ao 2023. “Temos moitas dúbidas sobre este proxecto, que debería ser unha oportunidade para impulsar un modelo de turismo máis sostible, innovador e inclusivo, pero que tememos que se converta nun fracaso por culpa da mala xestión do goberno local”, advertiu Millán.

luns, 4 de decembro de 2023

EU insta a crear unha fronte común para demandar á Xunta as melloras necesarias para o CEIP Rosalía de Castro

Apoian a demanda da ANPA Conchases para lograr as melloras urxentes do centro escolar, incluíndo novas aulas, pavillón e comedor escolar. Critican a inacción da Xunta de Galicia e solicitan colaboración entre os partidos políticos da corporación e comunidade educativa para resolver as deficiencias.

Critican tamén ao executivo local pola falta de actuación nas deficiencias reclamadas pola ANPA dende o verán e pídenlle á Concelleira de Educación que cumpra coas súas obrigas e dea solucións á demanda de limpeza e mantemento do centro, ao arranxo do parque infantil e á problemática derivada do cambio do sentido das rúas.

4 de decembro de 2023.- Os concelleiros de Esquerda Unida, José Antonio Otero, Susana Millán e Anxo Meis, reuníronse a pasada semana con representantes da ANPA Conchases. Neste encontro, abordáronse diversas preocupacións relacionadas coas condicións do CEIP Rosalía de Castro e as accións necesarias para a súa mellora.

Tras analizar a situación, Esquerda Unida considera necesaria a formación dunha fronte común entre os partidos políticos da corporación e a comunidade educativa co obxectivo de reivindicar e reclamar ante a Consellería de Educación e a Xunta de Galicia as melloras esenciais que o CEIP Rosalía de Castro necesita con urxencia e que leva anos demandando.

As melloras pasan pola habilitación de novas aulas para facer fronte ao aumento de matrículas, á diversidade do alumnado e ás necesidades pedagóxicas; a construción dun novo pavillón que cumpra cos estándares adecuados; a implementación dun comedor escolar que satisfaga a crecente demanda, xa que desde 2019 se está cubrindo o servizo nun módulo prefabricado que era provisional e que queda escaso e inadecuado; e a habilitación dun espazo axeitado para que a ANPA leve a cabo as súas actividades extraescolares, xa que o que tiñan está totalmente inutilizable debido ás filtracións de auga.

A asociación de nais e pais informou aos concelleiros sobre o compromiso verbal que a Consellería de Educación adquiriu a comezos de ano coa dirección do centro. Este incluía a realización dun proxecto que abordaba as melloras necesarias para cubrir todas as demandas, realizando obras tanto no propio centro como no edificio contiguo utilizado antigamente para as vivendas dos mestres, actualmente en estado de abandono. Pero ata a data, nin a dirección do centro, nin a asociación de nais e pais ten constancia da existencia dese proxecto.

Os concelleiros de Esquerda Unida expresaron o seu total respaldo e compromiso coa ANPA para traballar en conxunto na consecución das melloras demandadas. No entanto, sinalaron a falta de intención por parte da Xunta de Galicia para levar a cabo calquera actuación a curto prazo no CEIP Rosalía de Castro, xa que á carencia dun proxecto de reforma súmase a ausencia de partida algunha nos orzamentos autonómicos para o próximo ano, nin para o proxecto nin para a execución da obra. É por iso que fan fincapé na necesidade de crear unha fronte común que traballe, ao marxe das discrepancias políticas, para lograr as melloras que necesita o centro educativo.

Doutra banda, os concelleiros tamén constataron o malestar da ANPA co executivo local debido á falta de actuación da Concelleira de Educación en diversas solicitudes realizadas antes do inicio do curso escolar. Estas inclúen problemas de limpeza e mantemento do centro, a adecuación do parque infantil e solucións ás complicacións xurdidas polo cambio de sentido das rúas, que afecta á situación dos contedores de lixo e ao acceso dos autobuses durante as saídas escolares.

Esquerda Unida critica o nulo compromiso do goberno local coas demandas da comunidade educativa e pide á Concelleira de Educación que cumpra coas súas responsabilidades e solucione as deficiencias e problemas que presenta o CEIP Rosalía de Castro. Do mesmo xeito, emprázana a manter un diálogo máis constante e fluído tanto coas ANPAS como coas direccións dos colexios co propósito de manter os centros escolares en óptimas condicións, xa que o mantemento dos mesmos corresponde á administración local.

luns, 20 de novembro de 2023

EU esixe ao goberno municipal que solucione a situación de precariedade do servizo de Emerxencias do Grove

Os concelleiros de Esquerda Unida reuníronse co persoal do servizo de Emerxencias e denuncian a precariedade na que traballan, cuns vehículos en mal estado, sen sistema de excarceración e cuns salarios inapropiados. Instan ao goberno a solicitar á Xunta de Galicia a conversión en GES para acadar os medios necesarios e evitar uns gastos que se aproximan ao millón de euros. Ofrécense a acompañar ao executivo local para logralo. 

Piden ao alcalde que destitúa ao concelleiro delegado pola súa desleixo e abandono do servizo de Emerxencias e que busque unha solución o máis axiña posible para evitar que desapareza o servizo 24 horas, ou non se poida actuar nunha intervención por falta de medios e, en consecuencia, ter que lamentar unha desgraza.

O Grove, 20 de novembro de 2023.- O grupo municipal de Esquerda Unida, integrado por José Antonio Otero, Susana Millán e Anxo Meis, mantivo a semana pasada unha reunión co persoal do servizo de Emerxencias do Grove para coñecer de primeira man a realidade na que desenvolven o seu traballo. O que se atoparon foi unha situación de abandono e de falta de medios para garantir un servizo vital para a protección e o benestar da poboación.

O depósito de vehículos e embarcacións non dispón de ningunha cuberta que os resgarde das adversidades climáticas. Isto ocasiona un desgaste acelerado dos mesmos, que ademais son moi caros. O camión de bombeiros está en mal estado, todo oxidado e danado, o que compromete a efectividade e/ou a prestación das intervencións. Unha das lanchas de rescate xa está inservible pola corrosión e a outra segue o mesmo camiño. A ausencia de cuberta tamén dificulta unha rápida resposta ás emerxencias, pois os traballadores teñen que equipar os vehículos co material necesario no momento dos avisos, en moitas ocasións baixo fortes choivas. Ademais, o servizo non dispón de sistema de excarceración, sendo o único de Galicia que carece deste recurso indispensable para atender accidentes de circulación.

Doutra banda, os traballadores e traballadoras do servizo de Emerxencias, que están a cumprir coas súas obrigas, e mesmo máis aló, realizando labores que non lles corresponden, fano cuns salarios moi por baixo do que lles pertence, en moitos casos sen alcanzar os 1.000 euros mensuais a pesar de contar co incentivo dos trienios. O xefe do servizo, que leva oito anos exercendo esta función, conta co mesmo salario que o resto dos traballadores e traballadoras, sen o complemento que lle corresponde polo posto que desenvolve. En moitos casos están realizando numerosas horas extra para non deixar o servizo desatendido. Esta situación agrávase cando o concelleiro delegado se nega a asinar estas horas, como sucedeu o pasado mes, ou non crea unha bolsa de emprego para cubrir as baixas ou vacacións, o que supón unha maior carga para os traballadores e traballadoras ante a carencia de persoal. Un claro exemplo do menosprezo que sufre un servizo tan esencial.

O servizo de Emerxencias do Grove demostrou e demostra que é imprescindible, pois realiza un gran labor no concello, cun nivel de intervencións e actuacións anuais que supera con creces o dos grupos de emerxencias supramunicipais (GES) da Xunta de Galicia. Segundo os datos facilitados polos traballadores, o servizo de Emerxencias do Grove realiza dentro do propio concello máis de 1.000 intervencións anuais, entre as que se inclúen incendios, accidentes, rescates, salvamentos, asistencias técnicas, prevencións, recollida de animais, trampeo de velutinas, colaboracións con outros servizos e eventos... Estas cifras contrastan coas dos GES da Xunta de Galicia, que realizan esta media nun ámbito de actuación moito maior.

Por iso, desde Esquerda Unida pídese que se deixe de desprezar o servizo por parte do goberno municipal e que se dote(actúe para dotalo) dos medios materiais para cumprir cos seus labores de forma adecuada e segura, así como que se lles equipare o salario co que lles corresponde polas súas funcións.

Esquerda Unida considera que, debido abandono do goberno e á falta de actuacións anteriores, adecuar agora todo para prestar o servizo de forma axeitada suporá un gasto para o concello preto dun millón de euros. Instalar a cuberta solicitada supón un gasto de aproximadamente 80.000 euros, un camión de bombeiros novo está entre os 200.000 e 300.000 euros, unha lancha de rescate outros 200.000 euros, un sistema de excarceración está ao redor dos 200.000 euros. A todo isto hai que sumarlle a equiparación salarial.

Un gasto inasumible a curto prazo que se podería ver reducido se o servizo fose considerado GES por parte da Xunta de Galicia. Pero entenden que para iso é necesario que o goberno municipal realice todas as xestións necesarias coa administración autonómica, entre elas, e quizais a máis importante, ter unha boa relación e deixar de atacar continuamente a esta administración, cuestión que non sucede desde que José Cacabelos é Alcalde do Grove.

Denúnciase así o desprezo e o desleixo de funcións do goberno local e do concelleiro de Seguridade co servizo de Emerxencias durante os últimos oito anos, provocando a actual situación e a posibilidade de que o servizo teña que deixar de prestar os seus servizos as 24 horas do día durante os 365 días do ano, ou que non se poida actuar nun incendio, accidente ou rescate no mar por estar inoperativos os vehículos necesarios.

Pídese ao alcalde que tome cartas no asunto dunha vez por todas e que, dada a situación, “destitúa ao concelleiro delegado das súas funcións e que procure unha solución o máis axiña posible para non ter que lamentar unha desgraza nun futuro, o cal pode estar máis preto do que pensamos” declara o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero.

“É unha vergoña que o goberno municipal teña abandonado o servizo de Emerxencias, que é fundamental para a seguridade e o benestar da cidadanía. Os traballadores e traballadoras do servizo están a facer un esforzo enorme para prestar un servizo de calidade, pero atópanse cunhas condicións de traballo inadecuadas e uns salarios inxustos. O goberno municipal ten que actuar xa para solucionar esta situación e dotar ao servizo dos medios materiais e humanos que necesita. Non podemos permitir que o servizo de Emerxencias se vexa mermado ou que non poida actuar en caso de emerxencia por culpa da irresponsabilidade e a incompetencia do goberno municipal”, asevera Otero.

“Desde Esquerda Unida pedimos que se realice a instalación dunha cuberta para o parque de vehículos. Tamén solicitamos que se recoñeza o traballo do persoal do servizo e se lles pague o que lles corresponde polas súas funcións. Ademais, ofrecémonos a acompañar ao goberno na procurar do recoñecemento do servizo como GES e así evitar o gasto dun camión de bombeiros, unha lancha salvavidas e a adquisición do sistema de excarceración”, engadiu José Antonio Otero.

xoves, 26 de outubro de 2023

EU critica a falta de investimento para O Grove nos orzamentos da Xunta de Galicia

 

Alegan que o Grove foi excluído de investimentos importantes. Segundo Esquerda Unida, a Xunta de Galicia non contemplou partidas orzamentarias para áreas clave como o Colexio de Rosalía de Castro, a Rúa Luís A. Mestre, a tubaxe da subministración  de auga potable, o dique de abrigo do porto de Porto Meloxo, o Centro de Saúde ou a Escola Infantil de Rons.

Instan ao goberno municipal a reclamar estas melloras e ao PP do Grove a demandar investimentos para O Grove. Preguntan aos populares pola promesa electoral sobre a construción dun pavillón no instituto Monte da Vila, xa que tampouco se contempla nos orzamentos autonómicos.

O Grove, 26 de outubro de 2023.- Esquerda Unida, a través do seu voceiro José Antonio Otero González, criticou duramente os orzamentos da Xunta de Galicia para o 2024. Segundo a formación, a Xunta “ningunea” ao Grove un ano máis, deixándoo fóra de calquera investimento importante.

A formación política sinalou que non se contempla ningunha partida orzamentaria para varias demandas históricas e necesidades do concello. Entre elas destacan:

O Colexio de Rosalía de Castro: O centro de ensino precisa dunha reforma ante a falta de espazos para o desenvolvemento adecuado da súa actividade. Segundo Esquerda Unida, a Xunta comprometeuse en febreiro do 2023 para a redacción dun proxecto que dotaría ao centro de novas aulas, un pavillón, comedor escolar e local para a ANPA, utilizando para iso, o propio centro e o vello edificio de vivenda dos mestres.

Rúa Luis A. Mestre: Unha das arterias principais do Grove que precisa dunha actuación urxente. Tal e como indican os esquerdistas “a rúa atópase nun estado deplorable e de abandono dende hai anos, con numerosas fochas e gretas que a converten en perigosa para o tránsito de vehículos”.

Tubaxe da subministración de auga potable ao Grove: A tubaxe está soterrada baixo o mar no seu tramo da Lanzada, á entrada do Concello do Grove. O desgaste e deterioro da mesma está a provocar numerosas roturas que pon en perigo a subministración de auga á veciñanza, sobre todo na época estival, cando a poboación se triplica e o gasto de auga aumenta. Para Esquerda Unida, “a substitución da tubaxe e o cambio de trazado da mesma, levándoa por terra, é de vital importancia, xa que calquera reparación na mesma está supeditada ao estado das mareas, evitando unha rápida intervención e poñendo en perigo oa subministración  á veciñanza”.

Dique de abrigo do porto de Porto Meloxo: Unha demanda do sector bateeiro da zona dende hai numerosos anos. Conta cun proxecto de execución bloqueado por diferenzas coa Confraría de Pescadores e que a Xunta non dá resolto.

Centro de Saúde: Para Esquerda Unida, a construción dun novo centro de saúde parece que vai para longo, debido á falta de terreos sen ter aprobado o PXOM, polo que entenden precisa unha actuación no actual centro, xa que conta con numerosas carencias.

Escola Infantil de Rons: A demanda de prazas neste centro educativo de 0 a 3 anos é patente nos últimos anos e, para a formación de esquerdas, a solución pasa por unha ampliación da mesma. Certo é, tal e como indican dende Esquerda Unida, que esta obra estaría supeditada á desafectación dos terreos de Rons e que “depende do goberno local que se desbloquee o expediente para que pasen a mans municipais”.

Así, José Antonio Otero considera que, un ano máis, a Xunta segue obviando as necesidades do Grove e da súa veciñanza. Por iso, insta ao goberno municipal a facer forza para reclamar estas melloras. Do mesmo modo, Otero pide ao Partido Popular do Grove que arrime o ombreiro e reclamen aos seus que o Orzamento da Xunta sexa xusto co Grove.

Finalmente, o voceiro de Esquerda Unida pregunta aos populares do Grove sobre a promesa electoral da construción dun pavillón no instituto Monte da Vila, “xa que tampouco se contempla nos orzamentos autonómicos”. Lembra que o Sr. Leiva, candidato naquel entón, afirmaba que contaba co visto e prace da Xunta, polo que Otero quere pensar que “ese compromiso era coa veciñanza do Grove e non co Partido Popular local, pois demostraría unha vez máis que o PP utiliza as administracións de forma partidista e só atende as demandas dos concellos onde gobernan”.